Saltar al contenido
A obra premiada leva por título O SONO DAS SEREAS e será publicada pola Editorial Galaxia

Xosé Antonio Neira Cruz gaña o XI Premio de Narrativa Breve Repsol

Nota de prensa
PDF 80 KB Descargar documento
1 Xosé Antonio Neira Cruz gana el XI Premio de Narrativa Breve Repsol

O escritor compostelán, Xose Antonio Neira Cruz, gaña a XI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra O SONO DAS SEREAS. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o voceiro do xurado, Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia.

O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, e o voceiro do xurado, Carlos Lema.

O xurado desta edición decantouse por esta obra polo “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto”.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.

O Premio Narrativa Breve Repsol

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG).

Na súa XI edición contou cunha participación de 31 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Daniel Asorey, gañador do Premio Narrativa Breve Repsol 2016 pola súa obra Nordeste, Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia, Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), e Dolores Vilavedra Fernández, profesora da literatura galega na USC.

A entrega do Premio terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

O gañador

Foto de Xose A. Neira Cruz ganador del premio de narrativa breve 2017 de la Fundación Repsol

Xose Antonio Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é xornalista, escritor e profesor de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Licenciado en Ciencias da Información e en Filoloxía italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación (2001) e doutor en Filoloxía italiana (2015) pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Dereito Premial pola UNED (2013).

Ademais das súas publicacións de índole científica, escribiu máis de 30 obras de creación literaria, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais, como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da Axencía Galega deas Industrias Culturais AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasiones), entre outros.

Exerceu o xornalismo durante quince anos en distintos medios de Galicia e desenvolveu un intenso labor como xestor cultural, comisario de exposicións e congresos nacionais e internacionais.