Saltar al contenido

Xosé A. Neira Cruz recibe o XI Premio de Narrativa Breve en Lingua Galega pola súa obra “O sono das sereas”

  • O escritor santiagués foi premiado con 12.000 euros e coa publicación do seu libro por parte da Editorial Galaxia.
Nota de prensa
PDF 218 KB Descargar documento
Xosé A. Neira Cruz recibe el XI Premio de Narrativa Breve en Lengua Gallega por su obra “O sono das sereas”

Xosé A. Neira Cruz, gañador da XI edición do Premio Narrativa Breve en Lingua Galega pola súa obra “O sono das sereas”, recibiu esta tarde o galardón de mans de Ignacio Egea, vicepresidente de Fundación Repsol, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

O acto de entrega tivo lugar na sede da Fundación Paideia Galiza na Coruña e contou coa asistencia de diversos representantes da cultura e a sociedade galega, e coa actuación do músico e compositor Xabier Díaz.

Ademais de realizar a entrega da dotación económica de 12.000 euros, durante o acto presentouse ante os asistentes a obra publicada por Editorial Galaxia, que xa está nas librerías.

O gañador

Xose Antonio Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é xornalista, escritor e profesor de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Licenciado en Ciencias da Información e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación (2001) e doutor en Filoloxía italiana (2015) pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Dereito Premial pola UNED (2013).

Ademais das súas publicacións de índole científica, escribiu máis de 30 obras literarias, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais, como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raiña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria ou o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasións), entre outros.

Exerceu o xornalismo durante quince anos en distintos medios de Galicia, ademais de desenvolver un intenso labor como xestor cultural, comisario de exposicións e congresos nacionais e internacionais.

O Premio Narrativa Breve en Lingua Galega

O Premio Narrativa Breve foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

No seu XI edición contou cunha participación de 31 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Daniel Asorey, gañador do Premio Narrativa Breve 2016, Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia, Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), e Dores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

Ao longo das súas once edicións este Premio Narrativa Breve consolidouse como un certame de referencia no panorama das letras galegas, sendo preto de 400 obras as que se presentaron ao concurso desde a súa creación.

Comprometidos coa cultura

Fundación Repsol mantén o seu compromiso co desenvolvemento cultural, colaborando con entidades de referencia e participando en proxectos que impulsan a difusión e creación de cultura. Neste sentido, en Galicia tamén se colabora coa Orquestra Sinfónica de Galicia no programa educativo Son Futuro, co obxectivo de promover o acceso á cultura entre os máis novos a través dun plan de formación musical no que se ofrecen diferentes actividades pedagóxicas.