Saltar al contenido

A Refinería de Repsol implantará novas medidas de innovación e sustentabilidade en 2020

  • En xaneiro empezará unha parada programada á que se destinarán 64 millóns de euros que permitirá incrementar a seguridade, a fiabilidade, a protección ambiental e a competitividade das instalacións.
  • Durante esta revisión programada inclúese o desenvolvemento final de tres proxectos de redución de emisións de CO2, de mellora ambiental e de eficiencia enerxética.
  • A refinería ademais en 2020 levará a cabo a instalación dunha nova unidade de destilación de propileno grao polímero cun investimento de 29 millóns de euros.
Nota de Prensa
PDF 100 KB Descargar documento
Vista parcial de instalaciones de la refinería

A refinería de Repsol na Coruña aplicará novas e ambiciosas medidas de innovación e sustentabilidade en 2020, dentro da aposta de futuro da compañía pola mellora da súa competitividade e do medio ambiente, no marco do seu compromiso estratéxico de redución de emisións e de loita contra o cambio climático.

En 2020, no marco da parada programada que empezará en xaneiro, levarán a cabo actuacións e proxectos por un valor total de 64 millóns de euros que estarán orientados á mellora da seguridade, a fiabilidade, a protección do medio ambiente e a competitividade das instalacións.

Desta forma, Repsol seguirá avanzando na súa refinería da Coruña cara a un futuro de baixas emisións con investimentos ambientais e de eficiencia enerxética, despois de destinar 69 millóns de euros á parada programada realizada no segundo trimestre deste ano.

Parada 2020

A nova parada de xaneiro de 2020, a cuxa totalidade se destinarán 64 millóns de euros, durará ata finais de marzo. Durante ese período e en distintas fases, seis unidades da área de Conversión da refinería deterán a súa actividade temporalmente para acometer distintas actuacións de inspección, mantemento e mellora, cun custo estimado de 17 millóns de euros. Outros 4 millóns de euros investiranse en 25 actuacións orientadas á mellora da seguridade, a fiabilidade, o medio ambiente e a competitividade das instalacións.

Ademais, durante esta parada programada terminará o desenvolvemento dos tres grandes proxectos de redución de emisións de CO2 e de mellora ambiental e da eficiencia enerxética iniciados en 2017, que contan cun orzamento de 43 millóns de euros.

Estas actuacións teñen como protagonista a unidade de FCC (Craqueo Catalítico Fluído), que serve para transformar gasoil e outros compoñentes procedentes da destilación atmosférica en produtos máis lixeiros e de maior calidade para a elaboración final de combustibles. Coas actuacións previstas reduciranse as emisións á atmosfera e conseguirase unha mellora da eficiencia enerxética coa introdución de novos equipos e a modificación dos existentes, así como a incorporación de melloras tecnolóxicas na planta. Todo iso permitirá un aforro de combustible e unha redución das emisións de CO2 de máis de 18.000 toneladas anuais.

Sustentabilidade e Innovación

Repsol está firmemente comprometida co Acordo de París e a aspiración de limitar a un máximo de 2 graos centígrados o incremento da temperatura media global do planeta respecto a os niveis preindustriales.

Neste sentido, a refinería da Coruña conseguiu reducir un 30% as súas emisións de CO2 no período 2005-2018. Durante a parada programada da área de Conversión levada a cabo a pasada primavera realizáronse investimentos en eficiencia enerxética que supuxeron unha diminución de máis de 15.000 toneladas ao ano de CO2.

No marco desta decidida aposta pola innovación do complexo coruñés, a principios de 2020 cesará a actividade da unidade de calcinación por motivos de obsolescencia tecnolóxica. Esta planta servía para tratar térmicamente o coque verde baixo en xofre, eliminando os hidrocarburos lixeiros e a humidade. O cesamento desta unidade, que xa se comunicou internamente, non supoñerá unha perda de emprego para os traballadores da planta.

Estas iniciativas de 2020 culminarán coa finalización das obras de construción dunha nova unidade de destilación de propileno grao polímero. O proxecto, ao que se destinaron 29 millóns de euros, ten prevista a súa posta en marcha a finais do próximo ano. O obxectivo desta nova unidade é aumentar a produción anual de propileno en 21.000 toneladas e revalorizalo cun aumento de calidade en pureza. En total, a produción anual estimada será de 81.000 toneladas de propileno grao polímero, que serve como base para a fabricación dunha gran variedade de produtos habituais na vida cotiá, como embalaxes, téxtiles, papelería e envases, entre outros.