Saltar al contenido

Repsol e a Xunta de Galicia abren o curso da cuarta promoción de FP Dual na Refinería

  • Esta apertura de curso enmárcase dentro da colaboración que Repsol mantén coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento nas súas instalacións do Programa de Formación Profesional Dual desde 2013.
  • Vinte alumnos que están a cursar o ciclo superior de Química Industrial puideron coñecer as instalacións do complexo industrial onde ampliarán a súa formación práctica durante os próximos dous cursos.
  • Máis de 500 alumnos de Química Industrial (ordinario, dual e FCT) realizaron 10.000 horas de formación na refinería nos últimos 10 anos.
Nota de Prensa
PDF 96 KB Descargar documento
Alumnos del curso de FP Dual posan para una foto en la refinería

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada polo director da refinería de Repsol, Javier Sancho, deron comezo esta mañá ao curso da cuarta promoción de FP Dual de Química Industrial no complexo industrial coruñés.

O acto tamén contou coa presenza do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira; a subdirectora xeral de Formación Profesional, Mª Eugenia Pérez; o xefe territorial de Educación, Indalacio Cabano; e representantes do IES A Sardiñeira e da empresa enerxética.

En concreto vinte alumnos que están a cursar o ciclo de Química Industrial no IES A Sardiñeira puideron coñecer as instalacións do complexo industrial coruñés. Nelas ampliarán a súa formación durante os próximos dous cursos con formación práctica que se suma aos seus estudos no centro educativo. En total realizarán 948 horas de formación no complexo industrial, que supoñen preto do 50% de horas regradas.

Ademais, por parte do persoal de Repsol e o IES A Sardiñeira, os representantes da Consellería coñeceron de primeira man a formación que recibirán os estudantes da cuarta promoción deste programa que busca reforzar a preparación e mellorar a empregabilidade e os alumnos.

A Refinería e a Formación Profesional

Para Repsol é fundamental o papel da FP no desenvolvemento formativo e na inserción laboral dos mozos, sendo máis do 50% dos traballadores do Complexo Industrial titulados en estudos de Formación Profesional.

A FP Dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas, xa que desta forma, a compañía pode formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais.

Máis de 500 alumnos de Química Industrial (ordinario, dual e FCT) realizaron 10.000 horas de formación na refinería nos últimos 10 anos.

No 2003 a Refinería impulsou a creación e o desenvolvemento do Ciclo Superior de Industrias de Proceso Químico (actualmente Química Industrial), que se imparte no IES A Sardiñeira. Por último no 2011, creouse xunto a Fundación Repsol o Programa de Bolsas para alumnos de distintas especialidades técnicas de FP que cursan os seus estudos nos concellos da Coruña e Arteixo.