Saltar al contenido
O premio está dotado con 12.000 euros

A obra Extraordinario de Antón Lopo gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol

  • Esta mañá deuse a coñecer o fallo do xurado nun acto público na refinería no que estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da Área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, o director da refinería, Javier Sancho, e o portavoz do xurado, Xoan Babarro.
  • Esta iniciativa conta co apoio de Fundación Repsol, na que tamén colaboran a Xunta de Galicia e a editorial Galaxia.
Nota de Prensa
PDF 322 KB Descargar documento
El secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,  el director del Área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados del director de la refinería, Javier Sancho, y el portavoz del jurado, Xoan Babarro.

A obra Extraordinario do escritor Antón Lopo, resultou gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Xoan Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega.

O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da Área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier Sancho, e o portavoz do xurado, Xoan Babarro.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.

Extraordinario: unha novela sólida, atractiva e ben narrada

O portavoz do Xurado destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”.

Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.

O protagonista, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.

O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define a Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.

O gañador

Antón Lopo (Monforte de Lemos, Lugo, 1961), escritor, xornalista e editor. Foi durante máis de vinte anos coordinador da "Revista das Letras”.

Como escritor publicou obras de poesía e narrativa.

Como poeta é autor de Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990), A sombra dos rapaces mexando (1995), O libro dos amados (1996), OM (1996) e Pronomes (1998).

Dentro da narrativa é autor das novelas As reliquias (1991) coa que gañou o Premio Café De catro a catro, O riso de Isobel Hill (2000) Ganga (2001) e Obediencia (2010) coa que obtivo o Premio Manuel García Barros. En xaneiro este ano obtivo o VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

Lopo tamén cultivou o teatro, o ensaio no ámbito da investigación literaria e mesmo a tradución.

O Premio Narrativa Breve Repsol

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

No seu XII edición contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Xoan Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega, Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia, Xosé A. Neira Cruz, gañador do Premio Narrativa Breve Repsol 2017 pola súa obra O sono das sereas, Eli Ríos, escritora e crítica literaria, e Dolores Vilavedra, profesora de literatura galega na USC.

A entrega do Premio terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

Máis información: fundacionrepsol.com