Repsol A Coruña busca o mellor talento industrial na FP dual

Press Release 01/07/2023
  • Ábrese unha nova convocatoria para a modalidade dual do ciclo de grao superior de Química Industrial do IES A Sardiñeira, que conta con 18 prazas no Complexo Industrial coruñés de Repsol. 
  • En total realizarán 948 horas de formación no complexo industrial coruñés, que supoñen preto do 50% de horas regradas, combinando a aprendizaxe no centro con formación con traballo efectivo na refinería durante dous cursos.
  • Para Repsol, o papel da FP é fundamental no desenvolvemento formativo e na inserción laboral dos mozos. O índice de empregabilidade no Complexo industrial sitúase en máis do 95% ata a data.

01 July 2023 - 12:00 CEST | PDF | 229.17 KB

95%

Índice de empregabilidade dos alumnos de cursos anteriores na refinería

5 de xullo 2023

data límite para a inscrición na web de FP dual da Xunta

O Complexo industrial de Repsol na Coruña leva impulsando a formación de FP de química xunto ao IES A Sardiñeira desde 2003, froito do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Grazas a esta aposta, máis de 500 alumnos de Química Industrial (ordinario, dual e FCT) realizaron 10.000 horas de formación na refinería.

O Programa de Formación Profesional Dual no Complexo industrial de Repsol foi o primeiro na área coruñesa e cumpre 10 anos neste 2023. Neste tempo permitiu que un centenar de alumnos do ciclo superior de Química Industrial do IES A Sardiñeira, combinen a súa aprendizaxe no centro educativo con formación e prácticas remuneradas nas instalacións. O índice de empregabilidade na refinería sitúase en máis do 95% ata a data.

Está aberto o prazo de inscrición ata o 5 de xullo para a sexta promoción, na que empresa e administración continuarán durante os próximos dous cursos académicos apostando polo Programa de Formación Profesional Dual como vía de mellora da formación e empregabilidade dos mozos. A solicitude debe rexistrarse de maneira telemática a través da páxina da Xunta de Galicia: Admisión a FP dual | Xunta de Galicia. O código do Grao Superior de Química Industrial no que colabora Repsol é C20230028.

Repsol A Coruña ofrece 18 prazas nun programa de dous anos ao longo dos cursos 2023/2024 e 2024/2025 que son en total 2.106 horas que combinan formación curricular no centro educativo IES A Sardiñeira e dentro delas, máis de 948 horas remuneradas no noso Complexo Industrial, o que supón un 47% da formación no centro de traballo.

Operaria del complejo industrial de A Coruña

A orientación dos titores, profesionais cunha importante traxectoria e experiencia no seu ámbito laboral en Repsol e cunha capacidade de acompañamento para os alumnos sobre o terreo, foi e é moi importante para que estes mozos poidan progresar educacional e profesionalmente nas súas distintas disciplinas.

Os contidos do primeiro curso baséanse en seis materias principais no Centro educativo: Transporte de sólidos e fluídos, Operacións básicas na industria química; Xeración e recuperación de enerxía; Organización e xestión en industrias químicas; Prevención de riscos na industria química; Formación e orientación laboral. As materias no centro industrial serán Seguridade industrial e Equipos de proceso.

O segundo curso no IES A Sardiñeira terá como materias: Formulación e preparación de mesturas; Mantemento electromecánico en industrias de proceso; Acondicionamento e almacenaxe de produtos químicos; Reactores químicos; Regulación e control do proceso químico; Empresa e iniciativa emprendedora. Mentres que na empresa multienerxética os contidos centraranse en: Unidades de proceso; Medio Ambiente e Calidade; así como a Aprendizaxe do oficio de operador/a de planta química.

Para Repsol e a súa Refinería na Coruña o papel da FP é fundamental no desenvolvemento formativo e na inserción laboral dos mozos, sendo máis do 50% dos traballadores do Complexo Industrial titulados en estudos de Formación Profesional.

A FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas, xa que, desta forma, a compañía pode formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais.