Repsol entrega 300 coleccións do seu Premio Narrativa Breve á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Press Release
 
  • Así o anunciaron esta mañá o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo, e a directora do complexo industrial da Coruña, Natalia Barreiro, na presentación do proxecto “Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol”.
  • A iniciativa cultural arrinca hoxe coa entrega das coleccións aos responsables das cinco bibliotecas públicas da rede presentes no municipio arteixán, que poderán ofrecer aos seus usuarios as obras galardoadas en quince edicións do Premio de Narrativa Breve Repsol.
  • As 300 bibliotecas públicas que conforman a Rede da Xunta de Galicia van dispoñer de 4.200 exemplares editados por Editorial Galaxia.

 

Arteixo (A Coruña), 24 de marzo de 2023.- A colección de novelas gañadoras do Premio Narrativa Breve Repsol estará dispoñible en todas as bibliotecas públicas de Galicia. A refinería de Repsol na Coruña, creadora e impulsora do galardón subscribiu un acordo coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo que vai entregar á rede autonómica un total de 300 coleccións de quince edicións do Premio que serán distribuídas este ano por todo o territorio galego.

Así o anunciaron esta mañá o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo, e a directora do complexo industrial de Repsol, Natalia Barreiro, na presentación do proxecto “Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol” que tivo lugar na Biblioteca Miguel Sande de Pastoriza. O acto contou tamén coa participación da concelleira de Cultura do Concello de Arteixo, Ana Bello, o director de Edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, e o xornalista e gañador da primeira edición do Premio Narrativa Breve Repsol, que da nome ao centro de lectura, Miguel Sande.

A iniciativa cultural arrinca hoxe coa entrega no acto de presentación das coleccións aos responsables das cinco bibliotecas autonómicas presentes no municipio arteixan, que poderán ofrecer aos seus usuarios as quince novelas de catorce escritores galegos galardoados co Premio Narrativa Breve Repsol. En total, as 300 bibliotecas públicas que conforman a Rede da Xunta de Galicia van dispoñer de 4.200 exemplares editados por Editorial Galaxia e os lectores van gozar da calidade das obras premiadas e o talento dos seus autores, verdadeiros artífices do galardón.

Os títulos que forman cada unha das coleccións para as bibliotecas son: Se algún día esta muller morta de Miguel Sande (2006, Editorial Galaxia), Así nacen as baleas de Anxos Sumai (2007, Editorial Galaxia), A verdade como mal menor de Xosé Luís Martínez Pereiro (2008, Editorial Galaxia), Os Fíos de Xurxo Sierra (2010, Editorial Galaxia), Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde (2011, Editorial Galaxia), A forma das nubes de María López Sande (2012, Editorial Galaxia), O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (2013, Editorial Galaxia), A diagonal dos tolos de Santiago Lopo (2014, Editorial Galaxia), Fontán de Marcos Calveiro (2015, Editorial Galaxia), Nordeste de Daniel Asorey (2016, Editorial Galaxia), O sono das sereas de Xosé A. Neira Cruz (2017, Editorial Galaxia), Extraordinario de Antón Lopo (2018, Editorial Galaxia), Diario dun enterro de Gonzalo Hermo (2019, Editorial Galaxia), Illa Decepción de Berta Dávila (2020, Editorial Galaxia) e Eternity de Xosé Monteagudo (2021, Editorial Galaxia).

O Premio Narrativa Breve Repsol

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame que desde o seu inicio conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia que edita as obras gañadoras.

O galardón, xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas, busca en cada edición impulsar e reforzar a creación de literatura en galego e ser unha vía de promoción para que escritores cheguen aos lectores. Con este obxectivo, contou desde o seu nacemento coa participación de preto de 500 orixinais, publicou dezaseis novelas de escritores galegos e repartiu entre os seus gañadores máis de 190.000 euros.

O xornalista e escritor, Alberto Ramos, é o último gañador do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa novela Os corpos dos Romanov, que se atopa actualmente dispoñible en librerías tras a súa publicación en decembro por parte da Editorial Galaxia.