Fundación Repsol convoca o Premio Narrativa Breve Repsol cunha dotación económica de 15.000 euros
Fundación Repsol convoca a XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia que busca impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, anunciaron esta mañá a nova convocatoria do Premio, que ambas as entidades promoven desde o 2006, e que este ano aumenta a súa dotación económica con motivo do seu 20º aniversario. Durante o encontro estiveron acompañados polo director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro.
O galardón, un dos referentes das letras galegas, contará con 15.000 euros de premio para o escritor/a gañador/a e a publicación da súa novela curta por parte da Editorial Galaxia.
O Premio Narrativa Breve Repsol busca desde a súa creación ser unha vía de promoción para que escritores/as galegos/as cheguen ao público a través do certame literario. Ademais, co apoio da Xunta de Galicia, busca impulsar o uso social da lingua galega, un dos ámbitos prioritarios para a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Requisitos de participación
As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme a normativa establecida pola Real Academia Galega, e terán unha extensión non inferior a 120.000 caracteres con espazos incluídos nin superior a 270.000 caracteres con espazos incluídos.
Unha vez pechado o prazo, o xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer a finais do mes de setembro. Este xurado conformado por cinco prestixiosos profesionais das letras galegas, representan á Fundación Repsol, á Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.
As bases desta última convocatoria están dispoñibles na web acoruna.repsol.es/gl
O Premio Narrativa Breve Repsol
O Premio Narrativa Breve Repsol, como xa se sinalou anteriormente, é un dos galardóns referentes das letras galegas e así o reflicte as súas cifras de participación. Desde o seu nacemento foron case 600 as obras orixinais de escritores galegos e dezanove as obras publicadas.
O Premio creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.
Na primeira edición, en 2006, o xornalista, Miguel Sande, conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros.
A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ánxeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.
Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.
En 2012, o galardón foi para A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.
No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordeste.
O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.
Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción.
No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo para obter o premio, e no 2022 foi o gañador desta edición, Alberto Ramos, pola súa novela Os corpos dos Romanov. No 2023, o gañador do galardón foi Fran Fernández Davila pola súa obra Groenlandia e na penúltima edición, Ramos converteuse por segunda vez en gañador coa súa novela Pirotecnia.
Pecha a lista de obras gañadoras, Illa de sangue, da escritora Carmen V. Valiña que foi recoñecida na última edición do Premio.
Máis información: acoruna.repsol.es/gl e www.fundacionrepsol.com