Repsol e a súa Fundación xunto a Axuda en Acción celebran unha xornada ambiental para 300 escolares na Torre de Hércules
O complexo industrial de Repsol e Fundación Repsol, xunto a Axuda en Acción, celebraron esta mañá unha xornada ambiental na contorna da Torre de Hércules na que participaron preto de 300 escolares coruñeses pertencentes ao CEIP San Xosé Obreiro, CEIP María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho, IES Rafael Dieste, CEIP Emilia Pardo Bazán, CPI Virxe da Cela e CEIP San Pedro de Visma.
A actividade ambiental atópase dentro do programa “Aquí tamén”, que Fundación Repsol xunto a Axuda en Acción promoven desde o ano 2014 nestes sete centros educativos públicos, para o desenvolvemento de actuacións de ámbito social e ambiental comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.
Os alumnos guiados por expertos do Grupo Naturalista Hábitat descubriron a rica biodiversidade presente na contorna da Torre de Hércules e coñeceron as consecuencias de conservación que teñen as especies exóticas invasoras que habitan nel. Por ese motivo, xunto a voluntarios do complexo industrial de Repsol na Coruña, axudaron no control dunha das plantas invasoras presentes neste espazo natural, a uña de gato ou Carpobrotus edulis, e que o Grupo Naturalista Hábitat leva traballando no seu control desde o ano 2017 coa retirada de máis de 60 toneladas desta planta.
O programa Aquí Tamén
O programa “Aquí Tamén” de Fundación Repsol e Axuda en Acción nace en 2014 nun contexto de crise co obxectivo de fomentar a inclusión social educativa e a igualdade de oportunidades na infancia, a adolescencia e en familias en situación de vulnerabilidade.
Desde o seu inicio beneficiou a 12.000 escolares coruñeses, iniciándose primeiro en tres centros educativos da Coruña para alcanzar ata hoxe a sete centros situados nos municipios da Coruña, Arteixo e Monfero.
A evolución do Programa foi acompañando ao contexto económico social das comunidades escolares. Deste xeito, o primeiro eixo de traballo iniciouse centrándose en cubrir as necesidades básicas e fundamentais de escolares pertencentes a familias en situación de vulnerabilidade coa concesión de bolsas de comedor e de almorzo escolar, así como a adquisición de calzado de inverno e deportivo, formación en hábitos saudables e dotación tanto de libros de estudo como de material escolar.
Igualmente, co obxectivo de conseguir a igualdade de oportunidades e facilitar a cohesión social tamén se colaborou en realización de saídas extraescolares, formación en idiomas e dotación con ferramentas en liña que melloran as habilidades lingüísticas e matemáticas do alumnado.
Moi destacable foron as formacións realizadas na Escola de Pais e Nais co obxectivo de achegar as familias aos centros para tentar construír esa rede de apoio mutuo que lles axudase a romper o bloqueo que ás veces provoca esa situación de vulnerabilidade.
Tamén e non menos importante é o desenvolvemento de actividades como o teatro ou os talleres de radio, que melloran as habilidades do alumnado, a súa cohesión social, desenvolvemento educativo e contribúen á redución da desafección escolar e consecuentemente á súa permanencia no sistema educativo.
Como en todos os ámbitos, a irrupción do COVID 19 tamén incidiu no proxecto e ante a emerxencia social ocasionada pola pandemia, Fundación Repsol e Axuda en Acción comprometéronse, unha vez máis, coas persoas máis vulnerables. Entregáronse tarxetas alimentarias a 99 familias, proporcionáronselles tablets a 127 familias para que os escolares puidesen continuar os seus estudos e facilitouse material anticovid para máis de 1.600 estudantes de tres centros educativos.
Voluntarios Repsol: un protagonista máis do programa
Por último, cabe destacar a participación dos voluntarios e voluntarias do complexo industrial de Repsol da Coruña nas actividades de “Aquí Tamén”. E é que, ademais do labor colaborativo realizado na xornada ambiental desta mañá, os voluntarios tamén participaron en pasadas edicións en talleres de pinturas e patios dinámicos para a convivencia e cohesión social do alumnado, e realizaron apoio en labores de xardinería e horto en beneficio dos centros educativos.
Sobre Axuda en Acción
Axuda en Acción traballa para desenvolver todo o potencial da infancia e a mocidade asegurando o seu acceso á formación e unha transición exitosa ao mercado laboral, para que melloren as súas vidas e as súas contornas dunha maneira sostible.
Desde hai máis de 40 anos, respondemos os retos globais da pobreza, a desigualdade de xénero, o cambio climático e a migración a través de proxectos a longo prazo, poñendo sempre no centro ás persoas e o pleno exercicio dos seus dereitos.