Repsol recolle aceite de cociña usado nas súas estacións de servizo de Galicia para fabricar combustible renovable

Press Release 12/12/2023
  • A compañía pon en marcha puntos de recollida de aceite de cociña usado en 176 estacións de servizo da súa rede na comunidade galega para facilitar aos seus clientes a xestión sostible deste residuo doméstico.
  • Repsol colabora coa Xunta de Galicia para impulsar esta iniciativa, que se enmarca no acordo asinado entre ambas as entidades para fomentar a transición a un novo modelo enerxético na comunidade, baseado na economía circular e a descarbonización.
  • Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa galega sen ánimo de lucro formada por mulleres en situación de vulnerabilidade encargarase da recollida e xestión do aceite usado depositado nas estacións de servizo de Repsol en Galicia.
  • A multienerxética promove así a economía circular, xa que este residuo emprégase como materia prima para producir combustibles renovables. Repsol fornece combustible 100% renovable en Galicia na estación de servizo de Coirós e proximamente inaugurará a segunda en Vigo.

12 December 2023 - 13:30 CET | PDF | 507.85 KB
Recollida aceite Galicia

Repsol pon en marcha 176 puntos de recollida de aceite de cociña usado nas súas estacións de servizo en Galicia. Esta iniciativa, que se realiza en colaboración coa Xunta de Galicia, é un exemplo de economía circular xa que permite a xestión sostible deste residuo doméstico que, unha vez tratado, reutilizarase para a produción de combustibles 100% renovables.

Repsol e a Xunta asinaron en agosto un protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento da economía circular na comunidade galega. A vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, presentou hoxe este proxecto xunto ao director xeral de Transformación Industrial e Economía Circular de Repsol, Juan Abascal, e a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a concelleira coruñesa de Medio Ambiente, Noemí Díaz e Sofía Vázquez, representante de Mulleres Colleiteiras, xestoras autorizadas para a recollida e tratamento de aceite usado.

Con esta iniciativa, Repsol facilita a xestión sostible deste residuo e promove a economía circular, ao utilizar posteriormente o aceite de cociña usado como materia prima para producir combustibles renovables. Cun litro de aceite de cociña usado fabrícanse 0,9 litros de combustible renovable.

Os clientes poden levar o aceite de cociña usado a calquera dos 176 puntos de recollida dispoñibles nas estacións de servizo de Repsol que actualmente contan con este servizo en Galicia, que proximamente se ampliará a 185. Os usuarios da aplicación Waylet poderán ademais beneficiarse dun desconto de 30 céntimos por litro de aceite de cociña usado entregado nos puntos dispoñibles na comunidade galega, para unha próxima reposición ou para adquirir outros produtos nas máis de 3.300 estacións de servizo da compañía en España.

Para a adecuada xestión deste residuo tras a súa recollida Repsol contratou en Galicia a Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa coruñesa sen ánimo de lucro formada por mulleres en situación de vulnerabilidade. Esta entidade conta coa certificación baixo o esquema ISCC EU, que garante o trazado e sustentabilidade do residuo.

A comunidade galega é a segunda de España na que Repsol puxo en marcha esta iniciativa, que comezou en Madrid en abril deste ano.

Repsol xa fornece este combustible 100% renovable en Galicia na súa estación de servizo do municipio coruñés de Coirós e prevé un próximo punto en Vigo. Actualmente, Repsol conta con máis de 40 estacións de servizo con combustible 100% renovable na Península Ibérica.

Combustibles cero emisións netas

Para descarbonizar a mobilidade, Repsol aposta por un modelo enerxético que combina a electrificación, os combustibles renovables e o hidróxeno. Todas as solucións enerxéticas deben tomarse en conta para garantir a subministración e reducir as emisións da forma máis rápida e eficiente posible.

Os combustibles renovables son cero emisións netas e, por tanto, son unha solución rápida, inclusiva e eficiente en custos para a descarbonización do transporte a curto prazo. Ademais, son totalmente compatibles co parque móbil actual e coas infraestruturas de distribución e reposición existentes, polo que para o seu uso non é necesario acometer investimentos adicionais.

Repsol leva máis de dúas décadas procesando nos seus complexos industriais, materias primas alternativas como os aceites vexetais, aceites de cociña usados para producir combustibles renovables. Os combustibles renovables xa están presentes en todas as estacións de servizo de España, xa que, conforme á lexislación vixente, os carburantes convencionais incorporan máis dun 10% de biocombustibles.

O complexo industrial da Coruña leva décadas producindo biocombustibles. En outubro de 2021 procesáronse por primeira vez 500 toneladas de residuos, en concreto aceite de cociña usado, para fabricar gasóleo renovable. No ano 2022, o complexo industrial coruñés utilizou máis de 195.000 toneladas de materia prima bio de distintos tipos para fabricar biocombustibles e este ano está previsto incrementar un 30% o seu uso, ata alcanzar as 265.000 toneladas de materia prima bio utilizada. Ademais, este verán púxose en marcha unha nova infraestrutura no complexo coruñés, que permite a recepción continua destes residuos lipídicos a través de camións cisterna, que ata o de agora só se podían recibir por barco.

Repsol aliouse con compañías líderes no sector do transporte pesado por estrada en España e Portugal, como Sesé, XPO, Serveto, Havi, Joanca, Carreiras, Rhenus e Luis Simoes que contan con clientes finais como Coca Cola, Freixenet e Seat; con empresas do sector do transporte de pasaxeiros en España, como Alsa e Avanza; con aerolíneas como Iberia, Ryanair e Vueling; e tamén colabora con Navantia, para descarbonizar o transporte marítimo así como con institucións e gobernos autonómicos como o da Comunidade de Madrid, a Rexión de Murcia, Castela-A Mancha, Aragón e a provincia de Granada (Andalucía) para impulsar o uso de combustibles renovables na mobilidade.