CIFP Universidade Laboral gaña o reto Repsol no InnovaTech FP 2025

Press Release 17/06/2025
  • O desafío tecnolóxico foi proposto pola empresa dentro da segunda edición do Programa formativo da Xunta de Galicia.
  • Alumnos e profesores do centro coruñés foron capaces de desenvolver unha ferramenta tecnolóxica baseada en intelixencia artificial (IA) que dá resposta ao reto da empresa
  • Para Repsol e o seu Complexo Industrial na Coruña o papel da FP é fundamental no desenvolvemento formativo e na incorporación laboral.

17 June 2025 - 15:00 CEST | PDF | 101.59 KB

O CIFP Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña) foi galardoado nos Premios InnovaTech FP 2025 da Xunta de Galicia por resolver correctamente o reto exposto pola área de Fiabilidade e Mantemento do Complexo Industrial de Repsol.

Os alumnos Gabriel Orduna Morandeira, Antía Rodríguez Boga, Diego Vázquez López e Adrián Vázquez Rabina, baixo a coordinación de David Manuel Castro Morlán do CIFP Universidade Laboral, foron capaces de desenvolver unha ferramenta tecnolóxica baseada en intelixencia artificial (IA) que dá resposta ao desafío da empresa: a creación dun sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química.

O proxecto denominado “Mantemento preditivo en motores e bombas industriais mediante intelixencia artificial e análise de vibracións” consegue procesar e comparar os datos de vibración recolleitos, identificar patróns de fallos específicos, identificar distintas casuísticas de erros e prever a vida útil restante dos equipos, o que permite a toma de decisións máis informadas sobre o mantemento e a substitución dos equipos.

A área de Fiabilidade e Mantemento do Complexo Industrial de Repsol destacou deste proxecto a alta dose de creatividade, a alta viabilidade tanto técnica como económica e o correcto desenvolvemento e uso dos datos por parte dos participantes, que grazas aos coñecementos e practica adquirida no seu ciclo de FP, pecharon este curso formativo con este recoñecemento

Na gala de premios celebrada este martes no centro formativo de Culleredo tamén estiveron presentes representantes do resto de equipos que asumiron o desafío de Repsol: o IES Marques de Sargadelos de San Cibrao (Lugo) e un segundo equipo do CIFP Universidade Laboral. Deles dous, Repsol subliña o bo traballo e dedicación dos participantes quen a través dos seus proxectos tamén buscaron solucións tecnolóxicas creativas para adaptalas ao reto.

Os alumnos que asumiron nesta edición o desafío da empresa tamén contaron coa supervisión e apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros de Ourense, que lles ofertou formación específica para concretar os seus proxectos.

Ademais, o centro ourensán xunto á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional colaborou coas empresas para que formen parte do Programa InnovaTech FP, unha experiencia formativa enriquecedora para os profesionais de Repsol que participaron e que lles permitiu achegar aos profesionais do futuro os retos tecnolóxicos aos que se enfrontan no seu traballo.

Compromiso coa formación e o talento

Para Repsol e o seu Complexo Industrial na Coruña o papel da FP é fundamental no desenvolvemento formativo e na incorporación laboral, sendo máis do 50% dos traballadores da refinería titulados en estudos de Formación Profesional.

A FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas, xa que, desta forma, a compañía pode formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais.

Sen dúbida unha combinación que converteu ao Complexo Industrial da Coruña nun centro de prácticas e de talento para un milleiro alumnos de diferentes modalidades formativas e que, no caso da FP Dual, alcanzan unhas cifras de emprego do 90%.