Fundación Repsol lanza o XIX Premio Narrativa Breve Repsol en colaboración coa Xunta de Galicia

Press Release 30/06/2025
  • Fundación Repsol lanza a XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia que busca impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega.

30 June 2025 - 15:30 CEST | PDF | 159.06 KB
Lanzamiento PNB 2025

A dotación económica do galardón ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da obra por parte da Editorial Galaxia.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, anunciaron esta mañá a nova convocatoria do Premio que ambas as entidades promoven desde o 2006. Durante o encontro estiveron acompañados polo director de Edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino.

O galardón que xa é un referente nas letras galegas ten entre os seus obxectivos ser unha vía de promoción para que escritores galegos cheguen aos lectores a través do certame literario. Desta forma, a Xunta de Galicia promove, co apoio de Fundación Repsol, o uso social da lingua galega, un dos ámbitos prioritarios para a Consellería dirixida por José López Campos.

A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia.

As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, e terán unha extensión non inferior a 120.000 caracteres con espazos incluídos nin superior a 270.000 caracteres con espazos incluídos.

Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán a Fundación Repsol, á Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.

As bases desta última convocatoria están dispoñibles na web acoruna.repsol.es.

O Premio Narrativa Breve Repsol: case vinte anos creando literatura galega

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista, Miguel Sande, conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros.

A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ánxeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.

En 2012, o galardón foi para A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordeste.

O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción.

No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo para obter o premio, e no 2022 foi o gañador de esta edición, Alberto Ramos, pola súa novela Os corpos dúas Romanov. No 2023, o gañador do galardón foi Fran Fernández Davila pola súa obra Groenlandia e na última edición, Ramos converteuse por segunda vez en gañador coa súa novela Pirotecnia.

O certame contou desde o seu nacemento en 2006 coa participación de case 600 obras orixinais de escritores galegos.