Repsol expón un reto tecnolóxico con IA para que alumnado de FP resólvao no II Innovatech FP da Xunta de Galicia
O Complexo Industrial de Repsol da Coruña recibe nas súas instalacións aos alumnos e profesores de Formación Profesional (FP) que aceptaron o reto tecnolóxico proposto pola empresa dentro da segunda edición do Programa InnovaTech FP da Xunta de Galicia.
Os tres equipos participantes, que pertencen ao CIFP Universidade Laboral de Culleredo e IES Marqués de Sargadelos de Cervo (Lugo), explicaron as súas motivacións e experiencia nun encontro, presidido pola directora xeral de FP da Xunta de Galicia, Mª Eugenia Pérez, e a directora do Complexo Industrial, Natalia Barreiro.
A directora xeral de FP explicou que a través desta iniciativa búscase incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no campo tecnolóxico e industrial co obxectivo de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade
Pola súa banda, a directiva de Repsol quixo trasladarlles a importancia que ten para a compañía a formación profesional, aposta do Complexo desde os anos 90 e o valor que ten o talento das persoas para o impulso da innovación e destacou que “grazas a iniciativas de interacción educativa e empresarial, como INNOVATECH FP, a formación profesional pode estar preparada para os retos tecnolóxicos e de innovación de hoxe e estéase preparando para as do mañá”.
Posteriormente o alumnado visitou as instalacións cun roteiro guiado por diferentes zonas da planta que permitirá aos participantes do Programa Innovatech FP ter maiores coñecementos prácticos e reais para abordar a segunda fase do reto exposto por Repsol: “Sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química”.
Un reto innovador baseado na IA
O equipo da Dirección de Fiabilidade e Mantemento do Complexo Industrial de Repsol pretende a través deste reto que profesores e alumnos sexan capaces de desenvolver un sistema baseado en intelixencia artificial (IA) para analizar os espectros de vibracións en equipos dinámicos críticos. O sistema deseñado deberá procesar e comparar os datos de vibración recolleitos, identificar patróns de fallos específicos,identificar distintas casuísticas de fallos e prever a vida útil restante dos equipos, permitindo a toma de decisións máis informadas sobre o mantemento e a substitución dos compoñentes.
Os centros participantes que asumen o reto dispoñen agora ata final de curso para desenvolver as súas ideas, e plasmalas nun proxecto final do que sairá un gañador. Durante os próximos meses, e baixo a supervisión e apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, os equipos recibirán formación específica que lles axudará a concretalo.
Compromiso coa formación e o talento
Para Repsol e o seu Complexo Industrial na Coruña o papel da FP é fundamental no desenvolvemento formativo e na incorporación laboral, sendo máis do 50% dos traballadores da refinería titulados en estudos de Formación Profesional.
A FP dual supón, ademais dun beneficio engadido para os estudantes, unha oportunidade para as empresas, xa que, desta forma, a compañía pode formar a futuros profesionais, dándolles coñecementos específicos axustados ás necesidades reais.
Sen dúbida unha combinación que converteu ao Complexo Industrial da Coruña nun centro de prácticas e de talento polo que xa pasaron un milleiro alumnos de diferentes modalidades formativas desde os anos 90 e cuxa oferta de FP dual alcanza unhas cifras de empregabilidade do 90%.