Medio centenar de escolares no World Robot Oliympiad Galicia 2023 apoiado por Repsol
Medio centenar de escolares participaron esta mañá no Torneo galego da “World Robot Olympiad” (WRO GALICIA 2023) que organizado por Arkitas Robótica, tivo lugar no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña. O complexo industrial coruñés de Repsol foi o patrocinador oficial desta competición educativa, dentro do seu compromiso e aposta polas iniciativas STEM da súa contorna máis próxima.
A World Robot Olympiad (WRO) é un campionato educativo de robótica con alcance internacional que ofrece a nenas e nenos unha oportunidade única para achegarse de maneira divertida á tecnoloxía e a enxeñería. Promovido pola entidade World Robot Olympiad Association e coordinado a nivel nacional pola Fundación EducaBOT.
Os 16 equipos participantes na competición, con idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos, tiveron que superar cos seus robots distintos retos. Cada ano os taboleiros teñen unha temática sostible diferente, sendo esta edición dedicada á protección da vida submarina e ás comunicacións marítimas.
Estiveron distribuídos en cinco categorías: ROBOBASIC e ROBOMISSION (ROOKIE, ELEMENTARY, JUNIOR e START).
Rookie (11-15 anos): un robot debe axudar a instalar e reparar cables submarinos. As gañadoras foron Claudia, Alba e Helena (MONTESPIÑO BOT) adestradas por Cristina Coence do Colexio Montespiño de A Coruña.
Elementary (8-12 anos): os equipos deben construír un robot e encargarse de xestionar os residuos dos barcos, restaurar os arrecifes de coral e rescatar a unha balea. Os gañadores foron MIM (Iago, Manuel e Mario e o seu adestrador Ángel Fernández de Arkitas Robótica).
Junior (11-15 anos): O equipo de MOONWALKERS formado por Guillermo e Lucas xunto ao seu adestrador Ángel Fernández de Arkitas clasificáronse en primeira posición, tras construír e programar un robot que debía axudar a instalar e reparar cables submarinos, instalar granxas de servidores submarinos e activar paneis solares en alta mar.
Start (8-12 anos): os equipos non chegaron á clasificación para a fase nacional.
A maior dificultade e o maior mérito radica en ser capaces de memorizar tanto a montaxe dos robots (os kits de robótica chegan completamente desmontados ao evento) sendo capaces de construílos e programalos nun tempo récord de 2 horas e media, sen axuda do seu adestrador, antes de saír a competir aos correspondentes taboleiros.
En Galicia, con este, xa son seis os torneos celebrados grazas á empresa coruñesa Arkitas Robótica, que se dedica desde 2014 á formación en programación e robótica educativa de nenos e adultos. Desde entón, foron numerosos os equipos coruñeses e galegos que chegaron a distintas fases nacionais e dúas os equipos que alcanzaron as fases internacionais de Nova Deli (2015) e de Tailandia (2018).
Os gañadores do Torneo participarán na final nacional que este ano será na Seu d’Urgell (Lérida) o 16 e 17 de setembro e, quen consiga facerse co primeiro posto da súa categoría na nacional, obterán unha praza para competir do 7 ao 9 de novembro na final internacional que este ano se celebra en Panamá.
Repsol: promovendo as iniciativas STEM
En Repsol cremos que a educación e un mellor coñecemento das ciencias, a tecnoloxía ou as matemáticas constitúen unha panca de desenvolvemento na nosa contorna. A innovación e a tecnoloxía forman parte do noso ADN e por iso promovemos a formación de vocacións científicas entre nenos e mozos a través das disciplinas STEM.
María Jesús Arribas, subdirectora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña na súa intervención durante a entrega de premios destacou “Desde o Complexo Industrial de Repsol na Coruña sempre levamos a cabo distintas iniciativas formativas e de feito, apoiamos equipos de robótica ou de Technovation Girls, e somos a aula práctica pola que pasaron máis de 1.000 mozos nos seus estudos de FP, universidade e posgraduado”.
Unha das iniciativas educativas que impulsa a Refinería coruñesa é precisamente este sexto torneo galego, WRO GALICIA polo que “apostamos para levalo a cabo, a pesar de ter que esperar a que a pandemia nos permitise celebralo. Pero a espera mereceu a pena e queremos agradecer a vosa participación, así como o esforzo e traballo do equipo organizador de Arkitas Robótica, ademais do agradecemento ao Muncyt por deixarnos a súa casa coruñesa, o mellor marco para STEAM”.