Repsol inaugura a primeira estación de servicio con combustible 100% renovable en Galicia
Repsol inaugurou hoxe a primeira estación de servizo con combustible renovable 100% en Galicia. Este novo punto de subministración de biocombustible avanzado atópase situado na estación de servizo de Repsol na localidade de Coiros (A Coruña), concretamente no quilómetro 558 (marxe esquerdo) da A-6.
Repsol, dentro da súa estratexia multienerxía, e como compañía líder en España, pon ao dispor dos clientes que circulan polas estradas galegas un novo produto 100% renovable, producido a partir de residuos orgánicos e aceite de cociña usado, que se suma á ampla oferta de mobilidade que xa ofrece Repsol nas máis de 250 estacións que ten en Galicia (mobilidade eléctrica, AutoGas, GNC/GNL e carburantes Neotech).
A compañía multienerxética mantén unha forte aposta polos combustibles renovables, que son unha das principais pancas da estratexia de Repsol para acelerar a descarbonización do transporte e conseguir o seu obxectivo de converterse nunha compañía cero emisións netas en 2050. A principal vantaxe do seu uso é que poden utilizarse en vehículos actuais sen necesidade de realizar modificacións nos motores nin nas infraestruturas de distribución e de reposición xa existentes.
Neste sentido, Repsol conta cun ambicioso plan de expansión para cubrir as principais cidades e corredores de transporte da Península Ibérica. A día de hoxe, conta con máis de 30 estacións de servizo que xa fornecen diésel renovable, e a finais de ano terá 50 estacións de servizo que expenderán este combustible renovable 100%, das cales outra tamén estará na cidade de Vigo.
Para José Barreiro, Director Executivo de Mobilidade Iberia, “esta inauguración dun novo punto do seuministro de combustible renovable 100% demostra o compromiso de Repsol por aumentar o abanico de tecnoloxías sostibles para a mobilidade, o que axuda aos usuarios para elixir a que mellor se adapte ás súas necesidades. As nosas estacións de servizo están preparadas para ofrecer aos nosos clientes calquera tipo de enerxía que necesiten para a súa mobilidade e queremos seguir sendo o seu compañeiro de viaxe xa sexa porque utiliza un coche eléctrico, un de gas ou combustible renovable”.
Pola súa banda, Tomás Malango, Director de Combustibles Renovables e Economía Circular de Repsol, sinalou “esta nova inauguración demostra a aposta de Repsol polos combustibles renovables, un dos principais eixos para chegar a ser unha compañía cero emisións netas no 2050. Os combustibles renovables son xa unha solución que reducen de maneira inmediata as emisións de CO2 do transporte e son compatibles coa frota actual e infraestruturas de distribución e reposición existentes sen necesidade de realizar ningunha modificación”.
Na súa intervención, a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia incidiu en que ese obxectivo común da descarbonización da mobilidade que comparten Repsol e a Xunta levou á administración autonómica a construír nos últimos anos máis de 250 quilómetros de sendas para peóns e ciclistas cun investimento de 50 millóns de euros; ou realizar unha aposta sen precedentes polo transporte público autonómico, como modo de transporte máis sostible, máis accesible e máis económico para o conxunto da cidadanía.
Nesta liña lembrou o esforzo realizado na renovación das liñas de transporte público autonómico, pasando de 900 a máis de 3.500 na actualidade; ou a disposición de 56.000 paradas, o que permitiu multiplicar a cobertura territorial e posibilitado que máis do 90% da poboación teña un punto de acceso ao transporte público a menos de 1 km da súa casa. Tamén destacou a posta en marcha de novas modalidades do transporte, como o transporte compartido ou baixo demanda, ademais do impulso de renovación dos vehículos, de tal modo que máis do 70% dos autobuses que conforman a frota do transporte público autonómico contan con categoría ambiental C e case o 22% con categoría ECO.
Combustibles renovables
Para descarbonizar a mobilidade, Repsol aposta por un modelo enerxético que combina electrifícación, os combustibles renovables e o hidróxeno. Todas as solucións enerxéticas deben tomarse en conta para garantir a subministración e reducir as emisións da forma máis rápida e eficiente posible.
Os combustibles renovables son aqueles que se producen a partir de materias primas renovables. Concretamente, os biocombustibles avanzados fabrícanse a partir de residuos orgánicos como aceites vexetais usados, graxas animais e residuos agrícolas e forestais que non se destinan á alimentación.
Repsol fabrica e comercializa biocombustibles desde hai máis de dúas décadas, e desde 2019, incorpora residuos orgánicos na súa fabricación. Os combustibles renovables xa están presentes en todas as estacións de servizo en España nun contido de máis de 10% dos combustibles que se venden, conforme á lexislación vixente.
En 2025, Repsol terá unha capacidade de produción de 1,3 millóns de toneladas de combustibles renovables e chegará a máis de dous millóns de toneladas en 2030, o que lle posicionará como unha empresa líder na produción destes combustibles en España e en Europa.