Repsol realiza un simulacro de seguridade no seu terminal marítimo do Porto Exterior

Press Release 21/11/2024
  • No Complexo Industrial realízanse estes simulacros periodicamente para o adestramento do persoal e comprobar a eficacia da organización e dos medios de seguridade en emerxencias.
  • Os traballadores do persoal realizan anualmente preto de 10.000 horas de formación en seguridade.

21 November 2024 - 14:00 CET | PDF | 38.82 KB

O Complexo Industrial de Repsol realizou esta mañá un simulacro de emerxencia xeral no seu terminal marítimo situado no porto exterior de Punta Langosteira (Arteixo). Este exercicio de seguridade inscríbese dentro das prácticas formativas que o complexo coruñés realiza anualmente dentro da súa política de seguridade.

O simulacro contou coa participación de máis de 100 persoas co obxectivo, por unha banda, de servir de adestramento para todo o persoal propio ante unha emerxencia xeral. E polo outro lado, levar a cabo a coordinación con entidades como a Autoridade Portuaria da Coruña e Capitanía Marítima, así como co persoal dos distintos equipos de intervención: Remolcadores e Amarradores do porto, Bombeiros da Coruña, os Bombeiros e membros de Protección Civil de Arteixo, Gardacostas de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) e o 112 da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

O exercicio tivo como escenario un buque atracado no novo pantalán, onde se escenificou a recreación dunha emerxencia nun dos tanques do devandito buque. Para a súa resolución, realizouse un exercicio en materia de protección marítima con detección e despregado de medios móbiles, así como do tendido de barreiras de contención na contorna do pantalán.

Grazas a este tipo de prácticas preventivas en seguridade compróbase a eficacia da estrutura organizativa, do Plan de Emerxencia Interior (PEI) e o Plan Interior Marítimo (PIM) e a súa coordinación cos Plans de Emerxencia de Autoridade Portuaria da Coruña, Capitanía Marítima e 112, así como os medios de loita contra incendios dispoñibles, os sistemas de comunicación e detéctanse posibles puntos de mellora nos procedementos e a operatividade.

Repsol e a seguridade

A planificación, a organización e o desenvolvemento da actividade industrial no Complexo Industrial teñen como base a seguridade de todas as persoas e as instalacións. O compromiso é absoluto, e para facelo realidade invístese unha media de catro millóns de euros ao ano en seguridade, ademais de aplicar as mellores normas e estándares de seguridade, que se xestionan mediante un sistema auditado e certificado conforme á norma ISO 45001.

O Complexo Industrial conta con persoal altamente cualificado para intervir en caso de emerxencia e un plan de autoprotección (Plan de Emerxencia Interior) co obxectivo de manter a seguridade das persoas e das instalacións. Os máis de 600 traballadores do persoal realizan anualmente preto de 10.000 horas de formación neste ámbito e tamén se esixe formación específica aos traballadores das empresas auxiliares.

Os simulacros forman parte das prácticas habituais da política de seguridade de Repsol, polo que, no Complexo da Coruña levan a cabo anualmente unha media de 75 exercicios de seguridade diferentes (adestramentos, simulacros e prácticas) para o adestramento continuo do persoal.