Repsol realiza un simulacro xeral de seguridade no seu complexo industrial
O Complexo Industrial de Repsol realizou esta mañá un simulacro de emerxencia xeral que contou coa participación de todo o persoal presente nas instalacións. Este exercicio de seguridade inscríbese dentro das prácticas formativas que o complexo coruñés realiza anualmente dentro da súa política de seguridade.
O simulacro desta mañá ten por obxecto, por unha banda, servir de adestramento para todo o persoal propio ante unha emerxencia xeral. E polo outro lado, levar a cabo a coordinación dentro do Plan de Emerxencia Exterior A Grela-Bens con distintas entidades como os Bombeiros da Coruña, os Bombeiros e membros de Arteixo e o 112 da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
O exercicio tivo como escenario unha das plantas da área de Conversión (Arteixo) na que se simulou unha emerxencia nun compresor. Para a súa resolución, realizouse un exercicio en materia de contención e despregouse o uso de drons para o seguimento e control da actuación.
Grazas a este tipo de prácticas preventivas en seguridade compróbase a eficacia da estrutura organizativa, do Plan de Emerxencia Interior (PEI) e o Plan de Emerxencia Exterior (PEE) e a súa coordinación cos equipos de intervención, así como os medios de loita contra incendios dispoñibles, os sistemas de comunicación e detéctanse posibles puntos de mellora nos procedementos e a operatividade.
Repsol e a seguridade
A planificación, a organización e o desenvolvemento da actividade industrial no Complexo Industrial teñen como base a seguridade de todas as persoas e as instalacións.
O compromiso é absoluto, e para facelo realidade invístese unha media de nove millóns de euros ao ano en seguridade, ademais de aplicar as mellores normas e estándares de seguridade, que se xestionan mediante un sistema auditado e certificado conforme á norma ISO 45001.
O Complexo Industrial conta con persoal altamente cualificado para intervir en caso de emerxencia e un plan de autoprotección (Plan de Emerxencia Interior) co obxectivo de manter a seguridade das persoas e das instalacións.
Os máis de 600 traballadores do persoal realizan anualmente máis de 15.800 horas de formación neste ámbito e tamén se esixe formación específica aos traballadores das empresas auxiliares.
Os simulacros forman parte das prácticas habituais da política de seguridade de Repsol, polo que, no Complexo da Coruña levan a cabo anualmente unha media de 75 exercicios de seguridade diferentes (adestramentos, simulacros e prácticas) para a formación continua do persoal.