Carmen V. Valiña gaña o XIX Premio NarratiVa BreVe Repsol
A obra baixo o lema A illa que supuraba sangue de Carmen V. Valiña resultou gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega e que esta valorado en 12.000 euros e suma a publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Fran Fernández Davila.
A novela gañadora conquistou ao xurado da XIX edición pola súa intriga e o seu sorprendente final
O acto do ditame “viaxou” este ano ata a cidade de Vigo con motivo do 75º Aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra gañadora e contou coa presenza dos representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
O Xurado da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), María Álvarez Landesa.
A illa que supuraba sangue
Na súa XIX edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 43 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado, destacou da novela de Carmen V. Valiña “a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.
A gañadora
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismo as alternativos.
Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).
En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura, REGA 2025.
O Premio Narrativa Breve Repsol: case vinte anos creando literatura galega
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.
Na primeira edición, en 2006, o xornalista, Miguel Sande, conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros.
A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ánxeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.
Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.
En 2012, o galardón foi para A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.
No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordeste.
O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.
Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción.
No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo para obter o premio, e no 2022 foi o gañador de esta edición, Alberto Ramos, pola súa novela Os corpos dúas Romanov. No 2023, o gañador do galardón foi Fran Fernández Davila pola súa obra Groenlandia e na última edición, Ramos converteuse por segunda vez en gañador coa súa novela Pirotecnia.
O certame contou desde o seu nacemento en 2006 coa participación de case 600 obras orixinais de escritores galegos.